Saturday 27 de April de 2024

A veciñanza de Lousame reivindica a Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, como unha figura central das Letras Galegas


Xosé Manuel Rivas Troitiño cualificouno como “o primeiro xornalista de Galicia” e salientou que “Carlos Casares votou por Zernadas de Castro como candidato a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas”

O atrio da Igrexa de Fruíme (Lousame) foi un clamor na reivindicación de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme, como “unha figura central das nosas letras e precursor do xornalismo que non só merece estas homenaxes no Día das Letras Galegas, senón que tamén é merecedor dun premio a maior nivel e un recoñecemento a nivel de toda Galicia, polo que seguiremos traballando”. Así o expuxo a alcaldesa, Teresa Villaverde, durante a homenaxe que o Concello de Lousame lle rendeu esta mañá a Zernadas de Castro co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas.

Unha reivindicación á que se sumou Xosé Manuel Rivas Troitiño, profesor asociado de Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e autor do libro “Diego Antonio Zernadas: un precursor do galeguismo”, quen agradeceu “aos veciños e á corporación municipal, representada aquí pola alcaldesa Teresa Villaverde, que sigan mantendo viva a memoria de Diego Antonio Zernadas de Castro. Algún día esta homenaxe será non só dos veciños de Fruíme, senón de toda Galicia”.

Neste sentido, Rivas Troitiño asegurou que é preciso “facer xustiza con persoas tan importantes como Zernadas de Castro” e revelou unha anécdota dunha das votacións realizadas para elixir á personalidade á que se dedicaría o Día das Letras Galegas. “O propio Carlos Casares votou polo cura de Fruíme, pero tiña na súa contra o feito de ser cura”, explicou Rivas Troitiño.

Primeiro xornalista

Tanto Teresa Villaverde como Rivas Troitiño defenderon a figura de Zernadas de Castro como un xornalista do século XVIII. “Foi, por unha parte, un precursor do Galeguismo, porque a defensa de Galicia se sinte con paixón nos seus textos. Foi tamén un auténtico ilustrados, que introduciu o millo entre os seus feligreses e lles ensinou a diversificar os seus cultivos. E viviu, ademais, como home relixioso”, indicou Xosé Manuel Rivas, quen fixo fincapé en que “hai outra face na súa obra, a de xornalista. É certo que non escribiu en xornais, porque non os había en Galicia no seu tempo. Pero a edición anual duns 150 Petitorios que, con finalidade recadatoria para os seus feligreses, non son senón a crónica dun ano”.

Así, Rivas Troitiño deu lectura a varios destes Petitorios dicindo que “no século XVIII había un cura en Fruíme que escribía como se sentira un terremoto no 1772 ou como se facían barcos en Ferrol”. Uns Petitorios nos que Zernadas se refería aos acontecementos acontecidos no seu tempo: festas, costumes de entón, situacións familiares ou profesionais. Incluso case chegou a ser denunciado ante o Santo Oficio por contar feitos da vida eclesiástica compostelá.

Homenaxe

Previamente ao discurso de Rivas Troitiño, dezaoito alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro deron lectura a unha serie de poemas do século XVIII, algúns dos cales facían referencia ao cura de Fruíme. A homenaxe pechárona os integrantes da Banda de Música de Lousame, que interpretaron a peza “Cautivo da Nosa Señora”, composta por Prudencio Romo, “outra figura que pasará á historia de Galicia”, salientou Teresa Villaverde, quen apuntou que “alguén terá que recompilar e editar toda a súa obra”.

Despois tocaron o Himno Galego, momento que os presentes aproveitaron para realizar unha ofrenda floral diante do busto na honra de Diego Antonio Zernadas de Castro. Dous alumnos do CPI Cernadas de Castro que participaran na lectura de poemas foron os encargados de depositar o centro de flores ante o aplauso de preto dun cento de veciños e veciñas presentes.